Novas

mércores, 25 de abril de 2018

Redeiras de Seu [I Premio XI Certame de Poesía de Mugardos]



REDEIRAS DE SEU

Entre os seus dedos
curtidos polo frío, o mar e o vento
alóxanse firmes os fíos
que con destreza manexan
unindo as súas crebadas fibras,
dando vida de novo
a quen a morte recolle.
Afánanse a cotío
entre a solaina, entre a chuvia,
son fieis á súa costura;
cada puntada unha peza caída.
Entre os seus dedos
curtidos polo frío, o mar e o vento
agochan os seus desvelos
na espera que cheguen ó porto
novas redes, novos bríos.
A vida e a morte
separadas por unha rede
de finísima fiada
cas cores de terra firme.
Entre os seus dedos
curtidos polo frío, o mar e o vento
tecen nun círculo concéntrico
ata deixar unidas
en puntada veloz e certeira,
soños, fame, anhelos,
pais e fillos.
Entre os seus dedos
curtidos polo frío, o mar e vento
recuperan do esquecemento
un labor de entrega á espera perpetúa
sen tempos no calendario.
Entre os seus dedos
curtidos polo frío, o mar e o vento
ofrecen a súa vida ó amor de seu.
Entre os seus crebados dedos...

Poesía creada por Adelaida Abad Isla
[I Premio no XI Certame de Poesía de Mugardos (A Coruña)]

Ningún comentario:

Publicar un comentario

LIGAZÓNS DE INTERESE

AS NOSAS WEBS


[Logo deseñado por Ángel Fernández Hermida]